Thursday 02 de May de 2024

O novo Hospital Público da Coruña construirase seeguindo criterios de calidade, singularidade e eficiencia enerxética e incluirá materiais de proximidade


― A estrutura prevista permitirá aproveitar a luz natural e a enerxía calorífica do sol minimizando o consumo enerxético

― Os interiores contarán con madeira galega que achegará calidez ás estancias e contribuirá ao obxectivo de lograr un hospital máis humano

― O Novo CHUAC será o maior investimento da sanidade pública galega dos últimos anos, cun orzamento inicial de 430 M€, que se elevará pola crise de prezos dos materiais

O novo Hospital Público da Coruña, o Novo CHUAC, construirase seguindo criterios de calidade, singularidade, deseño e eficiencia enerxética e incluirá materiais de proximidade.

A proposta arquitectónica do Novo CHUAC aposta por aproveitar a topografía do terreo e opta por unha estrutura de peite con 4 bloques, ademais do edificio de investigación. Todos os elementos terán volumes de proporcións semellantes e un deseño coherente, que darán continuidade ao actual hospital xerando unha imaxe de conxunto.

As novas edificacións seguirán a pendente existente na zona, o que permitirá potenciar o maior valor paisaxístico, que son as vistas á ría do Burgo que se poderá contemplar desde as edificacións e os distintos patios que conformarán o novo complexo sanitario.

Todos estes criterios, xunto coa inclusión de vexetación tanto nas cubertas como nos lindes, danlle un carácter singular á edificación e favorecerán a súa integración na contorna, minimizando o impacto ambiental e paisaxístico.

A disposición recollida no plan de interese autonómico, actualmente en fase de información pública para a súa tramitación ambiental estratéxica, procura o benestar e a eficiencia enerxética.

A orientación das fachadas dos distintos bloques ao leste e oeste favorece o illamento, especialmente das habitacións das unidades hospitalarias, e permite que todas as estancias reciban luz solar directa nalgún momento do día. Isto, xunto coa creación dun sistema de patios abertos ao sur, permite un mellor aproveitamento da luz natural no interior. Ademais, as fachadas contarán con lamas verticais que protexerán do incremento térmico no verán.

A proposta arquitectónica, seguindo criterios bioclimáticos, prevé un alto illamento térmico en fachadas e cubertas, así como a implantación de sistemas de iluminación de baixo consumo e dispositivos de aforro.
Tamén se tratará de promover as enerxías renovables, para minimizar o consumo externo, prevendo a posibilidade de implantar instalacións de produción de electricidade ou calor alternativas e eficientes. Todo isto vai permitir reducir as necesidades enerxéticas da instalación e, polo tanto, presentará un consumo inferior en relación aos servizos prestados.

Materiais galegos e de baixo impacto
O deseño do Novo CHUAC coida especialmente os materiais utilizados na construción. Unha das premisas que se terán en conta é a aposta por materiais de calidade, reciclables e de baixo impacto ambiental, dando, ademais, prioridade aos materiais de proximidade.

Neste sentido proxéctanse interiores onde a madeira gañará protagonismo. Será madeira galega que achegará calidez ás distintas estancias, buscando así un maior benestar e acadar un hospital máis humano, un dos propósitos do proxecto.

No caso dos exteriores óptase por un muro de cortina de vidro complementado con lamas de aluminio para protexer do sol. Trátase dun material con gran resistencia á intemperie, escaso desgaste e que non se oxida, o que permite unha maior durabilidade e un menor mantemento.

No caso dos pavimentos, o terrazo será o material predominante xa que se trata dun material duro e resistente ao paso dos anos e de fácil mantemento, polo que se converte no máis apropiado para as zonas exteriores de tránsito continuado.

O Novo CHUAC será o maior investimento da Xunta na sanidade pública galega dos últimos anos, cun orzamento inicial de 430 M€, que se elevará pola crise de prezos dos materiais.

O obxectivo do proxecto é blindar e mellorar a asistencia a medio millón de usuarios, con 255.000 m² construídos e máis de 1.500 camas, procurando os maiores estándares de calidade sanitaria e ambiental.